Presentación

Baixo a Serra de San Mamede atópase o Val do Medo polo que descorren os ríos Maceda, Tioira e o mesmo Arnoia cun cento de regatos. Baixo a mirada do Xigante Durmido, como así se coñece popularmente atópanse os concellos de Xunqueira de Espadañedo, Baños de Molgas e Maceda ou Manzaneda de Limia como se chamaba ata pouco antes do 1936 xa que formou parte do Forum Limico Romano que abarcaba a Limia Baixa, Xinzo de Limia e a Limia Alta ou Val do Medo, por onde discorría a Via Nova, camiño de saída do ouro das Médulas ata Braga.

Transcorría o dia 18 de xaneiro do ano 2008 cando uns veciños de Maceda tivemos unha xuntanza e nela tomamos a decisión de formar una asociación cultural cuns fins moi concretos: difundir a cultura e a historia do noso Val e da nosa Terra, Galicia, pero sempre centrándonos -máis concretamente- na comarca de Maceda. Para iso se comezou con Conferencias, celebracións do Día das Letras Galegas, a edición de Contos tradicionais e da revista Alcatruz, amais dunha serie de actividades que atoparedes nesta web.

O Nome da asociación xurdiu dun lugar do centro da vila: A Aira das Mantas, espazo adicado a labores propios do campo e de man común, onde se enmedaba e se facía a malla que máis tarde pasou a ser lugar de venta, nos días de feira e mercado, dos cacharros de Niñodaguia, pois o das olas de Tioira facíase na Praza das olas, ó lado da casa do concello.

Aira: espazo común

Asociación Aira das Mantas: espazo común onde calquera pode participar aportando ben o seu traballo ben a súa colaboración facéndose socio e así participar na difusión das nosas tradicións e o noso patrimonio. A revista toma o nome dunha fonte, hoxe desaparecida, na que segundo documentación escrita ó redor de 1600 existía un cano feito de barro (alcatruz) por onde saía auga. Aló polo 1800 transformouse nunha fonte, con estanque e un asento corrido de pedra arredor da parte dereita, mais hoxe, tristemente desaparecida.

Somos o que somos por termos nacido dentro deste grupo social concreto e non queremos que a nosa historia se perda nin o saber dos nosos devanceiros se esqueza.